Monday 29 de April de 2024

O IV Festimaxia de Lousame acollerá este domingo a actuación do Mago Teto, que porá en escena o espectáculo “Alquimia”


 

A entrada é libre e de balde ata completar aforo

A Casa da Cultura de Lousame acollerá este domingo 24 de novembro, ás 18:00 horas, a actuación do Mago Teto, que porá en escena o seu espectáculo “Alquimia, que ven de estrear con gran éxito este ano en localidades coma Coimbra ou Zaragoza. Unha actuación que o propio mago define como “unha fusión do teatro e as artes escénicas coa maxia”, e que está incluída na cuarta edición do Festimaxia de Lousame, que organiza o Concello de Lousame en colaboración coa Deputación da Coruña.

A concelleira de Cultura, Silvia Agrafojo, amósase moi satisfeita da gran participación que se está a rexistrar nestas actuacións. “O pasado domingo, durante o espectáculo do Mago Román, a cola daba a volta á Casa da Cultura, polo que recomendamos que as persoas que queiran asistir ao espectáculo do Mago Teto se acheguen con tempo á Casa da Cultura para non quedar sen sitio, xa que a entrada é libre e de balde ata completar aforo, algo que estamos facendo en todas as actuacións”, apunta a concelleira.

Esta será a segunda ocasión na que o Mago Teto visite Lousame este mes, logo da actuación dirixida ao alumnado do CPI Plurilingüe Cernadas de Castro do pasado venres 15 de novembro. Nesta ocasión porá en escena “Alquimia”, un espectáculo dirixido a un público familiar a partir dos 7 anos no que o Mago Teto experimenta con auga, terra, lume e aire na busca da pedra filosofal.

O próximo domingo, 1 de decembro, Chrystyan Magic porá o broche de ouro ao IV Festimaxia Lousame con “Kandor”, na que será a derradeira ocasión na que este espectáculo se poña en escena.